O alcalde de Foz, Fran Cajoto, atribuíu a alta incidencia da Covid-19 no municipio a “as reunións entre non convivintes e ás reunións privadas”, que, ao seu xuízo, “é onde máis contaxios pode haber”.
Foz entra este sábado en nivel máximo de restricións, cunha incidencia acumulada a 15 días que roza os 1.500 casos de Covid por cada 100.000 habitantes.
Así, Cajoto puntualizou que “se pasou de 145 contaxios a 144“. “Parece que hai unha estabilización e esperamos que esa tendencia se manteña así”, abundou, para saír dese nivel máximo de restricións.
O rexedor apela á “responsabilidade” de “todos” para frear a cadea de contaxios, para seguidamente puntualizar que “as reunións entre non convivientes e reunións privadas é onde máis contaxios pode haber”. Así mesmo, aproveitou para “agradecer moito o traballo dos sanitarios que seguen esta onda”. “Son moitos meses, máis dun ano traballando moi duro día a día”, apostilou.
TURISMO NA MARIÑA
Fran Cajoto, que tamén preside a Mancomunidade de Municipios da Mariña, asegurou que de momento “non” se resente o turismo na comarca. “O que hai son boas ocupacións hoteleiras e de apartamentos. Vemos que a xente ten ganas de saír. Afortunadamente non somos como outras zonas de España porque na Mariña concentramos máis o turismo nacional. Noutros lugares recíbense máis visitantes de fóra do país”, aseverou.
Nesta liña, o alcalde de Foz reiterou que “as ocupacións non se ven resentidas, pero si ven resentidos os restaurantes, bares e cafetarías porque os servizos que tiñan que dar non se fan nin con moito”. “A xente é precavida, pero a restrición nos aforamentos está a condicionar moito os espazos e servizos que poidan ofrecer”, concluíu.